martes, 12 de xullo de 2022

Seguir

 En Ribeira, ou en calquera parte do mundo   a 12 de Xullo de 2022





Custoume atopar o camiño, foi comido polas hedras , oculto antra o vicio. Mais o cheiro é inconfundible...

Así foi como voltei, pola memoria dos aromas que gardo.

Arrecende a café, a alquitrán e brea, a Azur de Puig, arrecende a esterco e a salitre.

Arrecende a ti, Indomable Besta, sempre deixas pegada cando voltas ó teu agocho.

Mais esta vez espérote cun café sen café e cuns trinta e tres graos de verán na testa do mundo, pero non adentro, onde aniña o bosque e a fervenza e tódolos paxaros voan... coa súa neurótica sinfonía.


O libro segue aberto, segue a escribirse cunha tinta que non borrará o tempo. É luz, e á Luz pertence.

Agora entendo a necesidade da sombra, agora, con estos trinta e tres , que eu non noto porque me sento contigo e non che teño medo, xa non. Nin me entristezo por tódalas cousas que contas. Estás coma min, buscábamonos, poderemos soportar a mutua presencia sen desintegrarnos?

Miro os teus ollos verdes no espello tornando de vermello a branco e logo como un cristal, esnaquizarase a visión e poderemos entrar...habitarme



con Amor


Marta













martes, 13 de marzo de 2018

Crónica na mesa de Jaritos

Sweet Place         Martes 13 de marzo 2018




Todo desaparece, é cuestión de distraerse, e deixalo pasar...
Deixar de agarrarse á memoria e ós sentidos.
Porse a flote no océano da mente.

O paxariño está no acuario.
A camareira ofrécenos, a min e ós espectros que inda quedamos agardando a que algo aconteza tralo cristal, crendo que detrás del sempre estaremos a salvo,unha ruidosa sinfonía de desgaña, nas cadeiras que arrastra polo chán, nas culleres que lanza dentro das tazas...Na ollada de muller farta a piques de erupcionar á mínima palabra, que non será pola palabra, nunca é polas palabras, é polo que espertan...

Cae o café ó chán.Érguese un vello.Acaso non é un home..?
A muller dille: Non se pode sair da casa.
O home responde: Non se pode ser vello.
A camareira limpa o café do solo, solícita, agora está no chán, na taza baleira no líquido e no trapo e dí en voz alta: Non parece que leve tanto cando está na taza...
Pasou tempo.Pasou algo.Agora sabémolo porque o estamos vendo, témolo diante, en cada enruga,  nos problemas que non se limpan con trapo, a non ser ó redor da cabeza, cubrindo ollos, boca e orellas.

Detrás do cristal cheo de manchas do acuario, o mundo é inventado polos que inda permanecemos do outro lado ollando.

Érgome.E marcho

luns, 5 de marzo de 2018

Chamábase Muller




Suicidouse.

Tiña trinta e dous anos.

Non puido extenderse máis a correa que a ataba.

Era dura de carnes e fráxil.

Separouse de sí mesma , deixou aberta

A porta da súa casa. Baleirárona.

Creu que o amor era un Oráculo

Convenceuna de que cobraba por consulta

E de que non tiña diñeiro para pagarlle.

Convenceuna de que era boa idea pagarlle co corpo

E deixar polo momento...A alma tranquila...

Non foi así.

O corpo cobrouse a alma

E perdíu a partida

Mais fixo algo que ela non sabe

Deixou un recado para a posteridade

Para a muller que poida ler na dor allea

A súa propia Esperanza.

Non é demasiado tarde, se Ti quen me lés

Estás viva

E se crés na menciña da alma

Non busques fóra

Nin amor nin vinganza

Non esperes pola vida

Nin procures calor na cama.

Pararse.Atrapa.E hai fame

A súa fame matouna

A fame dos outros comérona.

Estás a tempo si lés estas letras.

Non collas o coche cara ningures

Non busques compaña

Deixa que te atope

Aparécete





P.D.

Ela foise , demasiado lonxe.

Para voltar a polo seu bolso

E cambiala dirección.

venres, 2 de marzo de 2018

Unha idea do mundo


Chegar tarde, é o pesadelo.

Chegar tarde a un deserto
de restos dunha festa.
Chegar de adulta á aula abandoada
de cando era pequena.
Chegar tarde mentras está caendo
toda a chuvia do mundo mentras
estou deitada no sofá cuberta
da manta da memoria,escoitando
unha canción de Tom Waits
perseguindo indolente
o bico que nunca beberei
do sabor evocado da túa boca

Chegar tarde é ,ter medo.

Vella nena

Volto ó lugar da primeira vez.
Todo cambiou.
Soa unha canción en inglés,
sei que é unha boa canción
inda que non entenda a letra.
Así como sei que debaixo
do todo que cambiou está
a permanencia
indisimulábel da tristeza.
Segue a ser un bo lugar
para disfrazar carencias.

Como paxariños coas bocas abertas
nun niño sen a nai
aquí non se para. De comer
de beber, e de falar.De falar
Alimentados de alienamento
esquecerán os paxariños voar
e o niño revestirase de baldosas
fabricadas en serie " sírvase vostede".
Tratando de evocar torpemente
eses chans, escearios dos días de gloria
que por completo se descoñecen.
Ningunha gloria foi doutra cor
que non fose dun " rojo intenso ".
Do mesmo rojo que nos corre
por dentro.

Este lugar está paralizado.
Sen expresión facial
Trata de disimular
o paso do tempo
sendo un máis, do mesmo.
Pero a min gústame igual
Non me decepcionou voltar
ó lugar da primeira vez.
Porque aquí está, puiden vela
non máis entrar
A miña sombra doutrora sentada
carón do cristal.

Protexida do tempo e do mundo
escribía sobre o rojo intenso sen sabelo.
Só quería o mesmo que sigo querendo
Sen sabelo.

Balas de azucre para o pensamento.
Este é un bo lugar para os solitarios.
Aquí a única lei é permanecer.Resistir
Do engano encárgase o paso dos días
as modas e as mentiras
que nos contamos a nós mesmos.

Ó lugar da primeira vez...
Convén que volte
de vez en cando...
Poida que algún día non esté
A miña sombra por min
Esperando







Aquí e Agora

Marta

mércores, 28 de febreiro de 2018

Amada María

Qué difícil é escribir un bo poema.
Qué difícil de soster a palabra extraída da Nada.



O libro de Wislawa dorme sobre a mesa.

Nunca pecha os ollos.Mírame ben adentro.
Está sentada, Ela, A Nai de tódalas Mulleres no seu trono dos días.
Como unha rosa branca aberta,
Canta.
Ela , non fala.Non despilfarra verbas.
Crea
mundos e bótaos a voar pola xanela da
sua ollada


Non digo nada.Seino

Léoa ó lonxe e boto a correr tras de min mesma.Hai demasiado frío aquí.
Demasiado tempo que nos queima.

O libro.Sempre o libro é quen nos escribe
E míroa
Él mírame
E ti

Estás Lonxe.Estás Aquí

Unha áncora.Un globo de helio

Toca irme.
Confundín Esperanza con esperar.


Un bo poema houbera sido chegar hoxe á túa casa.Bicarche as mans.
Mirarche sen ningunha mentira entre nós
coa Promesa Infinita de non fracasar.Porque está Escrito
Na nosa Única fronte dividida.


Con Amor

María

venres, 2 de febreiro de 2018

Do movimento





Mulleres co pensamento de home.
Alopecia
Apetencia
Apatía
feminina.

Olladas desde afora,
sempre desde afora
inda que estemos dentro.

Frío para apagar a calor do
corazón.Gaiolas para a palla do
pensamento.

Escaparatismo do
" bon vivant" e
do mal vivir.

Náusea e
seguir comendo.
Impaciencia e
Seguir caendo

Caendo
...

Na palabra
 pola palabra
 pola carne 

                 Volta á escravitude.



Acuario de humanos : Quen nos está vendo, cando esquecemos ?

              
             







Primeira lectura

Un novo día en Pequena Nápoli







Seguín mirándoche de esguello.
Sabendo que todo aquel veleno que cuspías 
só era amor na súa falta. 

PERDÓN

Sobre esa cruz que levas
coa dignidade da derrota
de quen loita.
 
Non sei
das túas noites de batalla agardando 
que comece o día como a liberación.

Imaxino
que vas polos días co atisbo da morte
 mentras outra vez te salvas.

Porque tés medo e remorsos, 
agárraste á vida e a onde medra.

Porque non soportas 
a soidade contigo mesmo 
nin ós monstros que dormes dentro
 e que che dín ó oído todas esas  sospeitas
 para véreste gañador nalgo...
Inda que só sexa na débil "razón".

Podo ver a dor que che apreixa.
A defunción da esperanza. Cada día a resucitas

Que pouco sei de ti, 
e canto me does...

Pero xa non !
Desfagamos cada quen
 a  memoria da dor!

Axúdame a recordar.






Con Amor

Marta



 P.D. Nada peor que o olvido, nin nada tan necesario.


martes, 16 de xaneiro de 2018

Os pasos do esquecemento

Estou soa, sentada.Esperando a que se
vaia a última das pantasmas e que peche
a porta ó sair.
Foise.
Deixouna entreaberta.
Berrei desde dentro con voz de
clemencia:
A porta por favor! É o mellor para os dous.
E pechouna.

Estou soa, sentada.Coas miñas
ideas.Parindo compaña extraña unha e
outra vez.
Agardando que un furacán abra desde
fóra as fiestras.
Sei que non acontecerá.

Estou sentada.Chea

domingo, 26 de novembro de 2017

Aura distinta


Unha non é rica polo que poida posuir,  senon pola capacidade de amar o que non posuirá nunca.